• Galego
  • Español

REMATOU A 2ª FASE DAS OBRAS DE MELLORA DO PECHE PERIMETRAL DO CAMPO DE FÚTBOL DE HERBA ARTIFICIAL DA MAROSA

Rematou a 2ª fase das obras de mellora do peche perimetral do campo de fútbol de herba artificial da Marosa, que supuxo un investimento de máis de 35.000 euros. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, explicou que se cambiou o peche dos fondos sur e este, porque estaba moi deteriorado, procedeuse á mellora da canalización das augas pluviais e da accesibilidade aos baños e cambiáronse os banquillos. Fernández Rey e o alcalde, Alfredo Llano, supervisaron os traballos e destacaron que se trata dunhas obras que eran moi demandadas.

O edil burelés subliñou que “é unha obra que era moi solicitada polos usuarios do campo e necesaria basicamente por temas de seguridade. Esta era a segunda fase desta obra, que consistía no peche perimetral do campo de fútbol de herba artificial. Nunha primeira fase xa fixéramos os lados norte e oeste, financiado con fondos municipais, e neste caso recibimos unha axuda da Deputación Provincial de Lugo, á que desde logo agradecemos este esforzo económico que fixo para esta obra, que consistía en cambiar os fondos sur e leste do peche perimetral”.

Fernández Rey dixo que “se atopaba en mal estado e era unha reclamación que nos viñan facendo desde a Sociedade Deportiva Burela e desde Porto de Burela, que son os usuarios das instalacións. E nós puxémonos a traballar e a buscar o financiamento para poder levar a cabo a segunda fase desta obra, que se acabou estes días. Consistía basicamente na substitución do peche perimetral ademais de mellorar a accesibilidade aos baños para persoas con discapacidade e a substitución dos banquillos, que estaban deteriorados. É unha zona onde pega moitísimo o salitre do mar e o mantemento dos materiais é complicado. Por iso solicitamos axuda tamén para cambiar os banquillos, e agora temos uns novos postos, e tamén para mellorar a canalización de augas pluviais. É unha obra completa, que contaba cun presuposto de 52.413,65 euros e que finalmente foi adxudicada por 35.520,74 euros”.

O concelleiro de Deportes manifestou que “con esta actuación completamos o peche perimetral e a verdade é que as instalacións da Marosa agora mesmo locen nun estado bo, que é o que desexamos para non ter ningún problema de seguridade. E é unha obra coa que estamos realmente contentos e agradecidos sobre todo á Deputación Provincial por esta axuda que nos deu. Agora mesmo temos as instalacións en perfecto estado para o seu uso; estes días entregarannos a obra e xa a certificaremos para poder gozar dela de maneira plena”. No mesmo sentido se pronunciou o alcalde, Alfredo Llano.  

Para Ramiro Fernández “isto é unha mostra máis da aposta que fai este Concello, especialmente desde a Área de Deportes e tamén o alcalde, que está volcado co tema deportivo, polas instalacións municipais. Vamos seguir traballando para melloralas dentro das posibilidades e esperemos que poidamos sacar xa, dunha vez, o tema da grada norte do campo de fútbol, obra que quedou deserta por un problema global que está habendo agora mesmo cos materiais”.

O edil contou que “con esta obra que se rematou agora tamén houbo algún problema cos materiais, polo que se retrasou e tivemos que pedir unha prórroga á Deputación para poder realizala en prazo e forma, debido á tremenda crise de materiais que estamos vivindo, con carestía e incluso máis a imposibilidade de conseguilos. Tivemos que estar esperando polos materiais moito tempo e desde logo era imposible facelo no prazo que tiña marcado nun primeiro momento a Deputación, á que tamén hai que agradecer que nos dera esa prorroga para poder acometer a obra no segundo prazo que nos deron”.

Ramiro Fernández aludiu á preocupación que esta situación está a xerar: “estamos preocupados co tema das obras, pola falta de materiais. Supoño que é algo global, que afecta a todos os concellos, pero aquí, en Burela, xa temos a experiencia da grada e estamos vendo que vamos ter problemas para obras que teñan os proxectos un pouco anticuados porque vai haber que facer unha adaptación e volver calcular eses proxectos porque todo o material de obra está subindo escandalosamente. É un problema que vamos ter todos os Concellos e eu penso que temos que analizalo con calma para buscarlle solucións”.