• Galego
  • Español

Rematan as obras de renovación do parque infantil do Campón en Burela

  • O Concello rematou as obras de substitución do pavimento e dos elementos de xogo cun investimento de máis de 48.000 euros

Burela, 12 de maio de 2026. O Concello de Burela finalizou as obras de renovación do parque infantil do Campón, unha actuación coa que se mellorou este espazo de lecer situado na contorna do Hospital Público da Mariña.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto co concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, e o encargado de obras visitaron o parque unha vez finalizados os traballos para comprobar o resultado da actuación.

Os traballos consistiron na substitución do pavimento existente por unha nova superficie de caucho, máis segura e adaptada a este tipo de instalacións e na renovación dos elementos de xogo do parque. Entre as novidades destaca a incorporación dun conxunto de torres, pasarelas, escaleiras e tobogáns, que constitúe o principal elemento de xogo do parque e tres trampolíns circulares integrados no chan. Tamén se instalou un columpio mixto, así como un balancín destinado aos nenos e nenas máis pequenos.

A alcaldesa, Carmela López, destacou que “a renovación deste parque reflicte o compromiso do equipo de goberno coa mellora dos espazos públicos e coa atención ás demandas da veciñanza”. Ademais explicou que “queremos que Burela conte con áreas infantís modernas, seguras e de calidade para as familias en todas as zonas da vila”.

O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, sinalou que “o parque do Campón necesitaba unha renovación importante, xa que os elementos existentes estaban bastante deteriorados” e finalizou explicando que “con esta actuación conseguimos un espazo máis seguro no que aproveitamos ao máximo a superficie dispoñible, incorporando xogos novos e variados para distintas idades”.