• Galego
  • Español

RAMIRO FERNÁNDEZ FAI UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA DA ELECCIÓN DE BURELA COMO SEDE DA SUPERCOPA DE ESPAÑA DE FÚTBOL SALA FEMININO

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fai unha valoración moi positiva da elección de Burela como sede da Supercopa de España de fútbol sala feminino, que terá lugar os días 28 e 29 de xaneiro de 2023. Para o edil esta decisión da Federación Española de Fútbol ven recoñecer o traballo realizado polo club e polo Concello e considera que terá unha repercusión importante no comercio e na hostalería de Burela e tamén noutros puntos da Mariña.

Fernández Rey explicou que “antonte recibimos a noticia desde a Federación Española de Fútbol de que vamos ter a posibilidade de acoller aquí a Supercopa de España feminina. É algo que vén recoñecer todas as actividades que levamos feito aquí e as competicións que levamos organizadas coa Federación Española de Fútbol, que xa foron varias, e vén referendar que a Federación aposta por Burela unha vez máis para acoller un evento desta importancia: unha Supercopa de España, na que van estar os mellores equipos de fútbol sala de España xogando esta competición”.

O concelleiro de Deportes dixo: “alegrámonos e congratulámonos de que, unha vez máis, fora Burela a escollida para celebralo, o que quere dicir que tanto o Concello como o club cando teñen que acoller unha competición deste calado corresponden ás expectativas e están á altura das circunstancias. Quero aproveitar a ocasión para agradecer á Deputación Provincial, concretamente á súa Área de Deportes que dirixe Efrén Castro, que preste apoio para que esta competición se poida celebrar unha vez máis en Burela”.

Ramiro Fernández contou que “van vir catro equipos con todo o despregamento que fai a Federación Española de Fútbol a nivel organizativo, coa xente que trae para preparar o evento, máis os árbitros que virán dirixir eses partidos. Polo tanto imos ter unha fin de semana con moita afluencia de xente aquí, en Burela, o que esperamos que noten a hostalería e o comercio local, que ao fin e a cabo era polo que pelexamos para traer este tipo de eventos. Temos experiencia na organización de campionatos como este e penso que as cousas van saír perfectamente, como sempre, e tanto o Concello como o club imos poñer todo o apoio e o noso bo facer para que todo saia ben”.

O concelleiro de Deportes considera que este evento deportivo será positivo para economía local e que repercutirá tamén na comarca da Mariña: “supoño que terá repercusión en toda A Mariña porque seguramente en Burela non poidan ter cabida todos os equipos e posiblemente algúns teñan que ir a outras localidades da zona, co cal o retorno principalmente será para Burela, pero creo que vai ser bo para toda a comarca”.