• Galego
  • Español

PRETO DE 4.000 PERSOAS PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE BURELA ESTE VERÁN. A OCUPACIÓN HOTELEIRA ROLDOU O 100% E AS VISITAS AO BARCO MUSEO EN XULLO SUPERARON ÁS ANTERIORES Á PANDEMIA

A Concellaría de Turismo fai unha valoración moi positiva do verán. A ocupación hoteleira nos meses de xullo e agosto roldou o 100% case todos os días. As visitas ao barco museo Reina del Carmen en xullo superaron as cifras anteriores á pandemia e as xeorutas, que seguen en setembro, completaron as prazas ofertadas todos os días. Pola oficina de turismo pasaron 1.703 persoas en xullo e 2.168 en agosto, segundo deu a coñecer no día de hoxe Ramiro Fernández.

O edil de Turismo subliñou que “foi un verán marcado por algunhas restricións a nivel sanitario, pero foi moi positivo para o turismo en Burela e en xeral en toda A Mariña houbo unha gran afluencia de xente. En canto a datos numéricos temos que dicir que en xullo tivemos 1.703 visitas na oficina de turismo pedindo información e en agosto 2.168. Estas cifras son positivas e están recuperando a tendencia de antes da pandemia. Calquera que viñera a Burela podía ver moitísima xente polas rúas e nas praias. Os hoteis tiveron unha ocupación durante estes meses que practicamente roldou o cen por cen todos os días co cal nese aspecto a valoración non pode ser máis que positiva”. Sobre a procedencia dos visitantes comentou que “a xente que se achegaba á oficina de turismo para pedir información sobre Burela e A Mariña na súa maioría eran de Madrid e tamén tivemos moita xente de Castela e León e do País Vasco”.

Ramiro Fernández contou que “no barco museo, pese ás restricións que tíñamos de visitas limitadas a dez persoas por cada quenda, recuperamos os números de 2019. En agosto tivemos un pouco menos de xente, pero o mes de xullo foi espectacular e case dobramos a afluencia do ano 2019 que foi bo, o cal quere dicir que o barco museo Reina del Carmen cada vez ten máis tirón e é un atractivo turístico moi importante en Burela. Ademais as xeorutas, que aínda estamos facendo e temos varias este mes, como sempre están funcionando moi ben e a ocupación todos os días foi practicamente do cen por cen, incluso moita xente que fixo as xeorutas, xente de fora, enviaron correos ao Concello felicitándonos pola iniciativa, o cal quere dicir que temos que seguir apostando por elas. E as visitas á Igrexa do Medio foi o que non acabou de funcionar todo o ben que nos gustaría, así que temos que seguir insistindo pois entendemos que é un atractivo turístico máis para Burela. Houbo xente, pero non toda a que nosoutros pretendíamos que fora a esas visitas. Seguiremos intentando explotar como recurso turístico as pinturas da Igrexa da Vila do Medio”.

Burela na Feira Semana Verde de Galicia

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, anunciou queeste fin de semana estaremos na Feira Semana Verde de Galicia, que se vai desenrolar en Silleda. Imos ter un stand onde imos promocionar a Feira do Bonito. Quero agradecer a Ledicia, que vai ser a encargada da degustación de bonito que imos facer o domingo, ás doce e media. Xa é a terceira vez que a facemos, sempre foi un éxito e esperemos que este ano tamén siga funcionando, a pesar das restricións sanitarias que nos imos encontrar na feira. A Semana Verde é unha feira á que asiste moitísima xente, penso que é moi interesante para Burela polo público que queremos traer aquí. Imos intentar promocionar tanto a Feira do Bonito como os outros atractivos turísticos que temos”.

O edil burelés engadiu que “seguimos avanzando e cada vez tendo máis xente que ten interese en vir pasar as súas vacacións en Burela. A xente que ven á Mariña non ven especialmente a un sitio, senón que temos unha riqueza enorme e os visitantes desprázanse de un lado para outro para ver eses recursos turísticos que temos en toda a comarca. En Burela foi un verán moi positivo, esperemos que sigamos así, este ano foi de recuperación turística e confiamos en seguir medrando e traballando para que cada vez teñamos un pobo máis atractivo e que a xente queira vir aquí a pasar as súas vacacións”.