• Galego
  • Español

Os nenos e nenas da Ocioteca de Verán crean mosaicos con pedras e cunchas na praia do Ril

Decoraron estes materiais que atoparon na praia e dispuxéronos sobre o paseo marítimo con distintas cores e formas

As monitoras aprenderon aos pequenos que os obxectos da natureza ofrecen moitas posibilidades polas súas texturas e olores 

Esta actividade forma parte do programa Bandeira Azul no que participa o Concello de Burela 


Burela, 13 de xullo de 2022.-  As nenas e nenos participantes da Ocioteca de Verán do Concello de Burela realizaron esta semana unha ruta pola praia do Ril para buscar entre a area pedras, cunchas, paos e outros obxectos co obxectivo de crear mosaicos con materiais da natureza.

Unha vez seleccionaron e puxeron en común todas as cousas recollidas, compuxeron sobre unha parte do paseo marítimo do Ril mosaicos con múltiples formas compostos de diversos materiais.

Representaron a través destas composicións artísticas o mar e a praia, deixando voar a imaxinación dos pequenos e fomentando a creatividade ao tempo que aprenden a versatilidade dos obxectos da natureza.

As monitoras de Gaia explicaron que as pedras e cunchas recollidas rematarán de novo na praia, polo que ensinaron a través desta iniciativa que se poden facer cousas divertidas e respectuosas co entorno.

A actividade forma parte do programa de educación ambiental Bandeira Azul no que participa o Concello de Burela, co obxectivo de organizar distintos obradoiros relacionados co cambio climático, a perda da biodiversidade e a contaminación, especialmente o lixo no mar.