• Galego
  • Español

O teatro e a educación únense en Burela co proxecto ‘En Carne Viva’ e os seus obradoiros para a mocidade

  • A Casa da Cultura acollerá o 24 de outubro a representación da obra ‘En Carne Viva’, acompañada dun plan formativo integral para o alumnado do IES Monte Castelo que promove a reflexión, o pensamento crítico e a educación en valores.

Burela, 14 de outubro de 2025. A Casa da Cultura de Burela converterase o vindeiro 24 de outubro ás 21:00 horas nun punto de encontro entre a arte, a educación e a reflexión coa representación da obra ‘En Carne Viva’, da compañía Bengala Teatro Físico, dirixida e escrita por An González.   

“Este proxecto é un exemplo de como o teatro pode ir máis alá do escenario”, explicaba a concelleira de Cultura, Lina Gómez, quen destacou a capacidade da arte escénica para provocar emoción e pensamento. En colaboración co IES Monte Castelo, o proxecto inclúe un plan formativo integral dirixido ao alumnado de secundaria que combina obradoiros de creación escénica, a asistencia á obra e un espazo posterior de reflexión colectiva.

“Dita colaboración permítenos achegar á mocidade unha experiencia cultural completa, que mestura arte, emoción e pensamento crítico”, engadía Gómez, subliñando o valor educativo e social desta iniciativa.

A través do obradoiro titulado ‘O que soñamos pola noite, pero non nos atrevemos a dicir durante o día’, o alumnado traballa dende o corpo, a escritura e a improvisación teatral para transformar pensamentos íntimos en creación artística colectiva. As sesións abordan cuestións como o bullying, a disforia de xénero, o feminismo, a conciliación familiar ou o estigma social, sempre dende un enfoque empático e de respecto.

A concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, subliñaba precisamente esa dimensión humana e transformadora dos obradoiros.

“Os obradoiros de En Carne Viva abordan temas tan importantes como a diversidade, o respecto, o feminismo ou a identidade persoal, e fano desde a empatía e o coidado. Este tipo de actividades axudan ao alumnado a expresarse, a entender as súas emocións e a respectar as diferenzas”, explicaba Fernández.

Pola súa parte, a obra ‘En Carne Viva’ propón unha viaxe emocional e simbólica a través da identidade, o xénero, o amor e a frustración. Inspirada libremente en ‘La vida es sueño’ de Calderón de la Barca, na película ‘Laurence Anyways’ de Xavier Dolan e en testemuños anónimos, a peza transita entre a poesía e a denuncia social, amosando a loita das persoas por sobrevivir nunha sociedade deshumanizada.

A función, dirixida a público adulto, terá lugar o 24 de outubro na Casa da Cultura de Burela, con entrada de balde.