• Galego
  • Español

O Pleno de Burela aproba por unanimidade o traspaso da Unidade de Drogodependencias ao Sergas

Burela, 4 de decembro do 2025. O Pleno do Concello de Burela aprobou hoxe por unanimidade o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde, un paso que será efectivo o 1 de xaneiro e que, segundo explicou a alcadesa de Burela, Carmela López, supón “un avance histórico na atención ás persoas con adiccións na Mariña”.

A alcaldesa celebrou o consenso político acadado e destacou que este traspaso “non nace da nada, senón de anos de insistencia dos concellos, da FEGAMP e das profesionais das unidades, que levan moito tempo traballando con recursos moi limitados e sostendo un servizo esencial para máis de 500 persoas usuarias”.

O Concello inicia a cesión do local, pero reclama a ubicación sanitaria

O acordo plenario inclúe tamén o inicio do expediente para a cesión de uso do inmoble municipal onde actualmente se presta o servizo, garantindo así continuidade plena durante o proceso de integración.

A alcaldesa explicou que, malia esta cesión provisional, o Concello defenderá que a UAD pase no futuro a un espazo sanitario: “O normal, e o que ocorre noutras comunidades, é que estes servizos estean integrados nos hospitais ou nos centros de saúde. É saúde mental, e debe tratarse como tal. As persoas usuarias deben poder recibir atención nun entorno sanitario normalizado, sen estigmas nin sinalamentos.”

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, quixo agradecer "o traballo, a implicación e a dignidade do persoal da UAD durante todo este tempo e en concreto nestes xa dous anos nos que xestionamos esta área”. Tamén destacou que este traspaso “vai supoñer unha mellora no servizo en canto a persoal e recursos. Precisamente agora que está vacante a praza de Médico, o feito de integrar o servizo na área de Saúde Mental do Sergas pode facilitar a cobertura desa praza”. Rematou afirmando que “en definitiva, é unha gran nova para todas as partes".

A próxima prioridade: a Atención Temperá

López anunciou tamén que o Concello iniciará agora unha nova reivindicación colectiva: a integración da Atención Temperá no sistema público galego.

“Hoxe damos un paso moi importante coa UAD, pero mañá comezamos outra batalla: a integración da Atención Temperá no Sergas. Os menores e as súas familias necesitan estabilidade, equipos completos e tempos de espera asumibles. Esa será a nosa seguinte loita, e Burela estará na primeira liña, como fixo sempre.”

Finalmente, a rexedora destacou o traballo conxunto das institucións, explicando que “este avance é un logro da FEGAMP, dos concellos, das profesionais das UAD e tamén da Xunta, que finalmente atendeu unha demanda que levabamos anos reclamando. Cando as institucións traballan xuntas, gánase en servizos e en dignidade para a cidadanía.”