O pavillón Vista Alegre de Burela estreará un sistema de aerotermia para reducir o consumo eléctrico
- Esta intervención permitirá aforrar ata un 70% o consumo para quentar a auga e completa o proceso de modernización das instalacións municipais.
Burela, 29 de outubro de 2025. O Concello de Burela iniciou onte as obras de instalación dun novo sistema de aerotermia no pavillón municipal Vista Alegre. O proxecto está financiado polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia destinado a concellos con poboación inferior aos 15.000 habitantes, cun investimento total de 45.664,17 euros.
A actuación permitirá substituír o actual sistema de auga quente, baseado en termos eléctricos, por equipos de produción sustentados na aerotermia. Segundo explicou o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, “con esta mellora conseguimos un aforro arredor do 70% da enerxía que empregabamos para quentar a auga. Estes equipos aproveitan o aire exterior para realizar esa función, o que supón unha importante redución na factura eléctrica”.
Fernández Rey destacou tamén que esta intervención se suma a outras xa realizadas no pavillón, como a instalación de paneis solares. “Agora mesmo contamos cunha eficiencia enerxética moi elevada, con gran aforro. Seguimos traballando na mesma liña: reducir o consumo e eliminar as emisións de CO₂, algo fundamental tanto desde o punto de vista económico como ambiental”, afirmou o edil.
O proxecto inclúe tamén a substitución dos depósitos existentes por dous novos de mil litros, adaptados ao novo sistema. “Xa fixemos outras actuacións, como o cambio da iluminación interior a tecnoloxía LED. Con esta obra pechamos o círculo, logrando un pavillón moito máis sostible do que era. E seguiremos traballando nesa dirección”, concluíu Fernández Rey.