O Grupo de Participación Adolescente prepárase para o Pleno Infantil e a Xornada de Unicef en Burela
Burela, 31 de outubro de 2025. Onte á tarde tivo lugar unha nova reunión do Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela, na que os mozos e mozas avanzaron na organización de varias actividades en conmemoración do Día Mundial da Infancia.
Entre os proxectos destacados, o grupo preparou o Pleno Infantil, que se celebrará o próximo 20 de novembro no Salón de Plenos do Concello, e a xornada organizada por Unicef, que terá lugar o 21 de novembro no Parlamento Galego. Este ano, a iniciativa céntrase nos dereitos da infancia no ámbito dixital.
Tras repasar eses dereitos, os participantes enfrentáronse ao reto de deseñar o seu propio videoxogo, bautizado como “Ping Pong Fury”, no que aplicaron as ferramentas aprendidas para combater o ciberacoso. Ademais, crearon o seu propio Kit de Supervivencia Dixital, que será presentado durante o Pleno Infantil.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou que “estas actividades permiten que os adolescentes se involucren activamente na vida municipal, ao tempo que adquiren coñecementos sobre cidadanía dixital e sobre os seus dereitos. É moi importante que os mozos e mozas teñan un espazo para expresarse e participar en temas que lles afectan directamente”, explicou.
Nas próximas reunións, o grupo seguirá preparando a súa intervención no Parlamento Galego. “Ademais, todas as persoas interesadas en incorporarse ao grupo poden facelo na Casa da Xuventude, cubrindo a folla de inscrición”, lembrou Pillado.