O Grupo de Participación Adolescente de Burela continúa medrando e avanza na definición da súa identidade colectiva
- A última xuntanza incorporou novos membros e centrou o traballo na reflexión sobre o sector pesqueiro e o papel de Burela como vila mariñeira
Burela, 13 de febreiro de 2026. O Grupo de Participación Adolescente (GPA) celebrou onte unha nova xuntanza marcada pola incorporación de dous novos integrantes e polos avances no proceso de consolidación do propio grupo. A sesión desenvolveuse nun ambiente participativo no que os mozos e mozas continuaron traballando arredor das súas preocupacións e intereses vinculados á realidade local.
Durante o encontro, os participantes revisaron diferentes inquedanzas relacionadas co sector pesqueiro e coa identidade de Burela como vila mariñeira, transformando esas reflexións nunha serie de preguntas co obxectivo de atopar respostas a través do diálogo coa comunidade e cos profesionais do ámbito marítimo.
O grupo tamén avanzou na creación dunha identidade propia. Ademais de traballar nun nome identificativo, os integrantes comezaron a idear unha posible icona ou marca que represente o GPA.
O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar a participación xuvenil: “É moi positivo ver como a mocidade se implica en analizar a realidade da vila e en formular preguntas que axudan a construír comunidade. O GPA está a converterse nun espazo real de escoita e aprendizaxe compartida”. Pillado sinalou tamén que “a incorporación de novos membros demostra que o proxecto segue vivo e esperta interese entre a rapazada, algo fundamental para garantir unha participación activa no presente e no futuro”.
Engadiu ademais que “tras o traballo realizado, tamén hai tempo para compartir momentos de lecer, que axudan a fortalecer as relacións entre os participantes e a crear un ambiente de confianza dentro do grupo”. Polo tanto, a xornada concluíu cun espazo lúdico no que os participantes combinaron partidas de ping pong e billar.