• Galego
  • Español

O CONCELLO REALIZARÁ CAMBIOS NO TRÁFICO NA ZONA DOS CASTROS E EN SUAFONTE.

Burela, 10 de febreiro de 2022. O alcalde, Alfredo Llano, anuncia cambios no tráfico na zona dos Castros e en Suafonte. Haberá varias rúas dun so sentido de circulación, límites de velocidade para garantir a seguridade dos viandantes e crearanse prazas de aparcamento. Equipo de goberno e técnicos municipais abordaron estas medidas, que cando entren en vigor se comunicarán á veciñanza e se sinalizarán con antelación suficiente. 

O rexedor contou que “estamos pensando desde o Concello en facer unha renovación do tráfico e xa estamos preparando actuacións en dous sitios concretos: un é nos Castros, ao redor do colexio Virxe do Carme, onde imos reorganizar un pouco o tráfico, máis que nada para darlle máis fluidez e seguridade, sobre todo cando se levan os nenos ao cole. Marcarase e dirase con tempo como vai quedar coa sinalización concreta en cada lugar, pero na rúa que rodea o colexio Virxe do Carme seguirá sendo de sentido único e a novidade é que se poderá aparcar do lado dereito, non do esquerdo, como se fai agora. Será así por motivos de seguridade, para deixar os nenos e as nenas na beirarrúa que corresponde á entrada do colexio. A rúa dos Castros vai ser de sentido único tamén e conectará coa rúa de Mondoñedo e coa rúa da Veiga, que tamén serán de sentido único. Os motivos son para ter maior seguridade e máis aparcamentos, pois imos dotar esa zona dun espazo de estacionamentos para favorecer a carga e descarga”.

Llano dixo: “desta maneira cremos, sobre todo polos informes dos técnicos e da Policía Local, que se vai mellorar a seguridade, a fluidez e a facilidade para deixar os nenos no colexio. É unha das actuacións de tráfico que temos previsto acometer o antes posible”.

O alcalde burelés explicou que “outra remodelación no tráfico que se está preparando é na rúa Suafonte, onde ultimamente está habendo bastantes incidentes de circulación, aínda que a maioría son cuestións menores, de pequenos golpes e rozaduras, pero que están ocorrendo. Tamén hai vehículos que circulan a demasiada velocidade por esa zona, o que queremos evitar. Así que, cos informes técnicos pertinentes, vaise poñer a rúa Suafonte en sentido único, de conexión desde a Eijo Garay ata a rúa do Mariñeiro, e esta última vai ser tamén de sentido único ata a rúa Monte Castelo. Vanse crear máis prazas de aparcamento e haberá maior seguridade no tráfico porque se evitarán accidentes”.

Alfredo Llano engadiu: “todo isto está pensado para ter maior fluidez no tráfico, máis seguridade e para gañar prazas de aparcamento con estas medidas. Vaise sinalizar e avisar con tempo cando vaian empezar estes cambios. Imos limitar a velocidade tanto na zona dos Castros, sobre todo ao redor dos colexios, como na de Suafonte, especialmente onde está a sede da asociación Eu Son. Todo isto estará perfectamente sinalizado e cando vaiamos poñelo en marcha avisaremos con tempo para ir preparándose para estes cambios, que esperamos que sexan para ben”.