• Galego
  • Español

O CONCELLO INSTALARÁ UNHA CARPA NA PRAZA DA MARIÑA DO 22 DE DECEMBRO AO 9 DE XANEIRO NA QUE HABERÁ DIVERSAS PROPOSTAS PARA OS MÁIS PEQUENOS E PEQUENAS DA CASA

A Concellería de Cultura presentou as actividades de Nadal. Do 22 de decembro ao 9 de xaneiro estará instalada unha carpa na praza da Mariña na que haberá diversas propostas para os máis pequenos. Ademais o 28 de decembro terá lugar o musical infantil Es Navidad! e o día 30 percorrerá as rúas da localidade a charanga NBA.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “o primeiro que temos é o día 22 a inauguración da carpa que instalaremos na praza da Mariña, como en anos anteriores menos o ano pasado que non se puido pola pandemia. Vai acoller actividades e diferentes xogos e a xente poderá apuntarse para pasar alí a mañá ou a tarde, ou mercar o bono completo para todos os días destas festas de Nadal. O horario será de once a dúas pola mañá e de cinco a nove pola tarde. Vai haber tamén algunha actividade gratuíta dentro da carpa enfocada aos nenos. Imos mirar de programar máis, pero de momento o día 27 imos ter un obradoiro de Nadal, impartido por Gaia, de once a dúas da tarde, e un contacontos ese mesmo día ás cinco da tarde titulado Abetiño soñaba co Nadal con Sergio Rivas. As actividades dentro da carpa, que estará ata o 9 de xaneiro, serán gratuítas. O día 22 será a entrada gratuíta para todos os nenos e nenas durante toda a tarde de catro a nove”.

O edil burelés contou que “ademais da carpa estivemos intentando instalar atraccións na praza do Concello pero está custando un pouco porque os responsables das atraccións non acaban de decidirse porque non saben como evolucionará a pandemia. Entón confirmaremos nos próximos días si imos poder facer algo alí”.

José Díaz sinalou que “o xoves 23 temos unha charla coloquio moi interesante, non é actividade de Nadal propiamente pero está enclavada nesas datas. Será de once a unha da tarde e correrá a cargo dos olímpicos Ana Peleteiro e o viveirense Adrián Ben, que falarán da obesidade infantil e o deporte infantil. A entrada é gratuíta. Tamén ese xoves temos unha obra de teatro para os máis pequenos coa compañía Mircromina, que presentan o espectáculo de títeres Historia para unha man. Será ás seis da tarde no auditorio. Esta representación ven a través da Deputación Provincial do ciclo Monicreques. O día 28 temos o musical infantil Es Navidad!. As entradas están á venda online. Hai moito vendido aínda que quedan algunhas entradas dispoñibles. É un musical para nenos e nenas ata sete anos e será ás seis da tarde. O xoves 30 haberá un pasarrúas coa charanga NBA, de seis e media a oito e media polas rúas de Burela. Pretendemos ter un pouco de ambientación nas rúas á hora dos viños e tamén para as compras nos comercios”.

A carpa instalada na praza da Mariña permanecerá pechada os días 25 de decembro e 1, 4, 5 e 6 de xaneiro. Os días 24 e 31 de decembro estará aberta de 11:00 a 14:00 horas. Os prezos serán de 3€ pola mañá, 5 euros pola tarde e 30 euros o bono.