• Galego
  • Español

O Concello de Burela retira nove árbores en risco inminente de caída na praza do Concello

  • Un informe técnico apunta que, ademais, as súas raíces estaban a causar desperfectos no adoquinado e muros, co conseguinte risco para as persoas, e catro das árbores atopábanse infectadas por un parasito
  • Os exemplares retirados serán substituídos por especies de porte arbustivo, valorándose diferentes especies

Burela, 23 de abril de 2024. O Concello de Burela retira nove árbores en risco de caída inminente na praza do Concello. Un informe técnico realizado sobre estes exemplares alerta do perigo existente para a integridade de persoas e bens públicos próximos aos mesmos.

O vento orixinado nos temporais recentes xa tirou varias especies próximas, polo que o informe aconsella actuar o antes posible sobre as nove árbores mencionadas.

O informe sinala así mesmo que as raíces destes exemplares de Alcipreste de Monterrey (Hesperocyparis macrocarpa) estaban a causar desperfectos ao seu redor, levantando o adoquinado e debilitando os muros e os bordos das rúas, co conseguinte risco de caídas e accidentes para as persoas transeúntes.

Ademais, as catro árbores situadas no noroeste da praza atópanse afectadas polo parasito fitóftora, que ocasiona entre outras a putrefacción das raíces, supoñendo deste xeito un perigo adicional.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, lamenta “que se teñan que tallar estas árbores, pero axiña serán substituídas por novos exemplares”. “A presenza de vexetación é fundamental para unha vila como Burela e unha prioridade para o Goberno local”, engade.

Os exemplares retirados serán, a continuación substituídos, por especies de porte arbustivo, valorándose diferentes especies. “Axiña informaremos á veciñanza sobre o plantado das novas especies”, afirma a rexedora.