O Concello de Burela reordena o tráfico na rúa Celso Emilio Ferreiro para mellorar a seguridade viaria
Burela, 12 de marzo de 2026. O Concello de Burela levará a cabo unha reordenación do tráfico na rúa Celso Emilio Ferreiro co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na contorna dos túneles situados baixo o edificio desta zona.
Esta actuación estaba xa contemplada no Plan de Mobilidade municipal, pero responde tamén a unha petición expresa de veciños e veciñas do edificio situado neste punto, preocupados polo elevado número de vehículos que circulan polos túneles baixo o inmoble.
A principal medida consistirá en modificar o uso dos túneles. O túnel con saída cara a Arcadio Pardiñas pasará a ser exclusivamente peonil, mentres que o túnel de acceso a Celso Emilio Ferreiro quedará destinado unicamente ao acceso ao garaxe situado no propio túnel, eliminando así o paso de vehículos como vía de circulación.
Con esta reorganización, a rúa Celso Emilio Ferreiro pasará a funcionar como unha rúa de prioridade peonil, xa que son moitos os peóns que conviven cos vehículos nesta zona, mantendo a bolsa de estacionamento existente e reducindo o tráfico de paso e mellorando a seguridade e a convivencia entre peóns e vehículos.
A actuación completarase coa instalación de nova sinalización vertical e o repintado da sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria e clarificar a nova ordenación do tráfico.
Esta reorganización forma parte dunha actuación máis ampla na zona, na que tamén se habilitaron novas zonas azuis en Arcadio Pardiñas, co obxectivo de favorecer a rotación de vehículos e contribuír á dinamización do comercio local.