O Concello de Burela reforza a formación en DESA e consolídase como o concello máis cardioprotexido da Mariña
- O persoal municipal participa en tres novas xornadas de formación en primeiros auxilios e uso do desfibrilador
Burela, 31 de outubro de 2025. O Concello de Burela continúa a impulsar accións formativas en primeiros auxilios e manexo do desfibrilador (DESA), co obxectivo de mellorar a resposta ante emerxencias e reforzar a seguridade cidadá.
Nestes días están a desenvolverse tres novas xornadas dirixidas ao persoal municipal, que permitirán ampliar o número de persoas capacitadas para actuar ante unha parada cardiorrespiratoria.
Estas actividades enmárcanse dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, e forman parte do compromiso municipal coa saúde e o benestar da veciñanza.
Burela é, a día de hoxe, o concello mellor cardioprotexido da Mariña, grazas á ampla rede de desfibriladores instalados en espazos públicos e á aposta continua pola formación en primeiros auxilios. Ademais, o Concello prevé seguir ampliando o número de dispositivos DESA nos próximos meses.