• Galego
  • Español

O Concello de Burela realiza melloras na canceira municipal, xestionada pola Asociación Bigotes

  • O Goberno local axilizou as reformas na instalación mentres se tramitan as obras da nova canceira

Burela, 19 de abril de 2024. O Concello de Burela vén de realizar unha serie de melloras na canceira municipal, xestionada pola Asociación Asistencial Protectora de Animais Bigotes-Burela. A alcaldesa, Carmela López, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, visitaron as renovadas instalacións esta semana.

“O benestar animal está entre as nosas prioridades de Goberno”, sinala a alcaldesa de Burela, Carmela López, quen aproveitou a visita para agradecer ““o labor das persoas que traballan na asociación Bigotes, con quen manteño unha comunicación fluída para estar ao día dos retos que supón este eido na nosa vila”.

O Goberno local impulsou a renovación deste espazo para facelo máis habitable e amigable, mellorando as condicións dos animais e tamén das persoas que traballan desinteresadamente nesta instalación. Concretamente, instaláronse casiñas prefabricadas, vallas para crear patios exteriores e renovouse o chan con formigón.

“Os traballos para mellorar esta instalación eran urxentes, especialmente mentres a construción da nova canceira municipal está aínda en tramitación, tal e como marca a administración”, sinala Ramiro Fernández, concelleiro de Obras.

A alcaldesa de Burela enmarcou esta iniciativa nunha estratexia integral de protección e benestar animal no municipio, “que avalía as necesidades, involucra ás partes e inclúe actividades de sensibilización, todo isto co seu adecuado seguimento e cumprimento de obxectivos”. A isto súmanse outras medidas asumidas polo Goberno local, “como un plan de xestión ética de control de colonias felinas”.