• Galego
  • Español

O Concello de Burela presenta unha nova edición do programa “Pascua con Gaia” con actividades para a cativada e familias

  • O programa inclúe unha busca de ovos no Parque Rosalía de Castro e un obradoiro de creación de monas de Pascua na Casa da Cultura

Burela, 24 de marzo de 2026. O Concello de Burela presenta unha nova edición de “Pascua con Gaia”, un programa de actividades para a infancia e as familias que se desenvolverá os días 31 de marzo e 1 de abril en distintos espazos do municipio.

O martes 31 de marzo, ás 11:30 horas, no Parque Rosalía de Castro, terá lugar unha busca de ovos de Pascua, pensada para a cativada e que promove o xogo ao aire libre e o contacto coa contorna natural.

O mércores 1 de abril, ás 11:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o obradoiro “Crea a túa mona de Pascua de feltro”, dirixido a persoas adultas ou a nenos e nenas acompañados, fomentando a creatividade mediante materiais e actividades manuais. A participación nesta actividade require inscrición previa no correo electrónico gaia@burela.org ou no teléfono 647 136 673.

A concelleira Lina Gómez, responsable da Aula Medioambiental Gaia, destacou que “con esta programación queremos achegar á infancia a importancia de gozar do noso entorno natural dun xeito lúdico e educativo, promovendo valores de respecto polo medio ambiente, creatividade e convivencia en familia”.

Dende o concello de Burela animan ás familias a participar nesta programación, que busca ofrecer alternativas de lecer educativo durante as datas de Pascua e fomentar hábitos de participación activa e respectuosa coa contorna.