• Galego
  • Español

O Concello de Burela presenta a súa programación para o Entroido cun desfile o domingo15 de febreiro e 4.000 euros en premios

  • O desfile celebrarase o domingo 15 de febreiro, a partir das 17:00 horas, desde a Rúa do Ril ata a Praza da Mariña

Burela, 24 de xaneiro de 2026. O Concello de Burela anuncia a celebración do Entroido 2026, que se desenvolverá do 13 ao 18 de febreiro, cunha programación na que destaca o desfile de Entroido, previsto para o domingo 15 de febreiro a partir das 17:00 horas, con saída desde a Rúa do Ril e chegada á Praza da Mariña.

O desfile contará con 4.000 euros en premios e vales de ACIA Burela, repartidos en oito categorías, e incluirá tamén música DJ e chocolatada na Praza da Mariña unha vez remate o percorrido.

No apartado de premios, establécense categorías infantís para participación individual, en parella e en grupo, así como categorías de adultos nas mesmas modalidades. Ademais, inclúense premios especiais para carrozas e para charangas e comparsas.

A concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, animou á participación e á celebración nas rúas, convidando “á veciñanza e a todas as persoas que se acheguen a Burela a vivir o Entroido con nós: disfrazarse, encher as rúas e gozar dunha programación pensada para divertirse, bailar e compartir. O Entroido de Burela é festa, participación e moi bo ambiente.”

O Entroido de Burela completarase con actividades como obradoiros infantís, pintacaras, xogos, música, bailes e o enterro da sardiña, dentro das datas previstas entre o 13 e o 18 de febreiro.