O Concello de Burela presenta a Fase Previa dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas masculinas de Fútbol Sala sub19 e sub16
- Participaron na presentación a alcaldesa Carmela López, o concelleiro Carlos Méndez “Madar” e o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto
Burela, 20 de decembro de 2023. O Concello de Burela realizou a presentación oficial da Fase Previa dos Campionatos de España de Seleccións autonómicas de Fútbol Sala sub19 e sub16 masculinas.
O acto tivo lugar na pista de xogo oficial da Real Federación Española de Fútbol, instalada no Pavillón de Vista Alegre. Participaron nel por parte do Goberno local Carmela López, alcaldesa de Burela, e Carlos Méndez “Madar”, concelleiro de Deportes. Por parte da Real Federación Galega de Fútbol estivo o seu vicepresidente Pablo Prieto.
Todas as partes destacaron a importancia de que Burela sexa o epicentro do fútbol sala nacional e internacional durante dúas semanas, albergando 3 grandes eventos como son o FutsalWEC 2023, a formación II Xornadas de Actualización e Reciclaxe e mais esta fase previa.
Burela será, xunto con Viveiro, unha das sedes deste evento entre o 26 e o 30 de decembro, e o Pavillón de Vista Alegre será o lugar onde Galicia xogará o pase á Fase Final, que se disputará do 26 ao 28 de xaneiro nunha sede pendente de determinar.
A sede de Galicia é unha das mais potentes ao contar, ademais de Ceuta e Canarias, con Cataluña e a Comunidad de Madrid, estas dúas últimas dúas grandes potencias do fútbol sala nacional.
Galicia disputará todos os seus encontros das dúas categorías no Pavillón de Vista Alegre, co obxectivo de acceder á Fase Final nas dúas categorías. A esta chegarán 8 equipos das 4 sedes que existen.
A Real Federación Galega de Fútbol e o Concello de Burela animan aos afeccionados a presenciar o que será o futuro do fútbol sala nacional, e, aproveitando as numerosas familias que acompañan aos mozos deportistas, tamén a gozar das diferentes paraxes da Mariña Lucense.