O Concello de Burela premia ás aulas gañadoras da campaña ‘Eu, a pé ao cole’
- A iniciativa municipal promove os desprazamentos a pé aos centros educativos a través dos Camiños Escolares Seguros
Burela, 18 de xuño de 2026. O Concello de Burela premiou ás dúas clases gañadoras da campaña ‘Eu, a pé ao cole’ impulsado para fomentar que os nenos e nenas acudan andando ás aulas. Os grupos gañadores foron 6º de Primaria A do CEIP Vista Alegre e 1º da ESO A do IES Monte Castelo.
Como recoñecemento á súa implicación nesta iniciativa, os alumnos e alumnas terán este xoves, 18 de xuño, unha xornada de paintball no Parque de Aventura Roq Park da man do Concello de Burela.
O proxecto dos Camiños Escolares Seguros forma parte da aposta municipal por favorecer os desprazamentos a pé aos centros educativos mediante itinerarios sinalizados e puntos de encontro que permiten aos rapaces e rapazas acudir ás clases acompañados dos seus compañeiros e compañeiras. A iniciativa busca, ademais, promover hábitos de vida saudables, reducir o tráfico nas contornas escolares e avanzar cara a unha mobilidade máis sostible.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor “a resposta e a participación dos centros educativos e do alumnado nun proxecto que forma parte da aposta do Concello por unha Burela máis accesible, segura e pensada para as persoas”. A alcaldesa engadiu que “este premio é unha pequena recompensa para recoñecer a implicación dos rapaces e rapazas e animalos a seguir participando neste tipo de iniciativas”.