O Concello de Burela participará un ano máis en FITUR para promover o seu patrimonio gastronómico, natural e cultural
Burela, 20 de xaneiro de 2025. Unha representación do Concello de Burela acudirá á feira turística FITUR 2025, que comezará este mércores, día 22 de xaneiro, no recinto feiral IFEMA de Madrid.
O municipio estará presente un ano máis en FITUR para promover os seus diversos atractivos turísticos, tanto no eido gastronómico como no cultural ou no do ocio, así como a súa riqueza natural.
O Bonito de Burela e a Feira do Bonito estarán de novo entre os grandes protagonistas da promoción turística da vila, que tamén reivindicará en FITUR o seu porto, o barco museo Reina del Carmen e outros activos da súa tradición pesqueira.
As praias e as xeorrutas de Burela tamén terán o seu espazo na feira turística internacional, así como o terán a súa combinación entre rural e urbano e eventos destacados como o Festival Osa do Mar.
“En Burela respiramos mar, saboreamos tradición e vivimos coa intensidade dunha vila que nunca para”, sinala a alcaldesa Carmela López. “ Somos a casa do Bonito do Norte, das experiencias auténticas e das praias que namoran”, engade.
A rexedora aproveitou a ocasión para convidar ao municipio “a todas as persoas que busquen sabor, natureza e hospitalidade, pois Burela agarda cos brazos abertos”. “A nova edición de FITUR será unha ocasión inmellorable para visibilizar todo isto a nivel internacional”, apuntou.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández Rey, destacou que no marco da feira turística terá lugar unha presentación conxunta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, o xoves 23 ás 16:30 no stand de Galicia.
“Vamos con moita ilusión, co obxectivo de reflectir o bo traballo que se está facendo tanto a nivel local como a nivel xeral da Mancomunidade”, sinala o edil. “Así o sinalan os datos, coa auxe que tivo o turismo na Mariña e en Burela en particular”, subliña.
“Como ben sabemos, FITUR é a feira turística máis importante do mundo, polo que é unha oportunidade perfecta para poñer en valor este traballo e para coñecer as novidades que van xurdindo no mundo do turismo en xeral”, afirma Fernández Rey.
O concelleiro quixo salientar tamén a presentación da Feira Expomar na casa de Galicia en Madrid, “un acto moi importante para Burela, xa que acudirán diversas autoridades e figuras do sector”.
“Pensamos que é un escenario único para darlle visibilidade a esta feira Expomar que celebramos no mes de maio en Burela”, indica Fernández Rey. “Seguiremos na liña na que estamos, mellorando os datos turísticos ano tras ano, e para iso é esencial aproveitar oportunidades como estas”, conclúe.