O Concello de Burela organiza unha nova sesión de Cinefórum na Casa da Cultura en colaboración con Atoupa
- A proxección do filme Seis días correntes será a segunda sesión do cinefórum impulsado polo Concello de Burela e Atoupa
Burela, 16 de febreiro de 2026. O Concello de Burela, en colaboración coa Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil Atoupa, organiza unha nova actividade cultural baixo o título Historias de diversidade, que terá lugar este venres 20 de febreiro, en horario de 19:00 a 21:00 horas, na Casa da Cultura.
Nesta ocasión proxectarase o filme Seis días corrientes, da directora Neus Ballús, unha película que acompaña a Moha durante unha intensa semana laboral marcada por retos profesionais e humanos, ofrecendo unha mirada próxima ás relacións persoais e á diversidade no ámbito do traballo.
Esta será a segunda sesión do cinefórum organizado polo Concello en colaboración con Atoupa dentro desta proposta cultural, que pretende xerar espazos de reflexión e diálogo social a través do cinema e da participación do público asistente.
Mario Pillado, primeiro tenente de alcaldesa de Burela, destacou a importancia de “promover iniciativas culturais que favorezan a convivencia, a inclusión e a sensibilización social mediante actividades abertas á veciñanza”.