• Galego
  • Español

O Concello de Burela organiza un curso de batucada con clases semanais

  • As clases, dirixidas a persoas maiores de 12 anos, celebraranse os venres na Praza de Abastos ata o mes de xuño

Burela, 2 de febreiro de 2026. O Concello de Burela pon en marcha un curso de batucada, que dará comezo o vindeiro venres, 6 de febreiro, e se desenvolverá ata o mes de xuño. As sesións desenvolveranse con carácter semanal, os venres de 18:00 a 19:30 horas, na Praza de Abastos.

A actividade, con prazas limitadas, está dirixida a persoas maiores de 12 anos empadroadas no concello e non é preciso contar con experiencia previa. As persoas participantes poderán traer o seu propio instrumento.

A formación estará impartida por Carlos Méndez, da Batucada CadaBatú, e inclúe a posibilidade de participar en desfiles durante o Entroido e as Festas Patronais, sempre que se cumpran os requisitos de asistencia establecidos.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, sinalou que “queremos ofrecer actividades atractivas e dinámicas que animen á xente nova e adulta a participar da vida cultural de Burela, e a batucada é unha ferramenta perfecta para iso”.

Segundo explicou a concelleira, con esta iniciativa, o Concello de Burela “continúa a apostar por unha cultura participativa, accesible e presente na vida cotiá da veciñanza”.

As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse na Casa do Concello.