• Galego
  • Español

O Concello de Burela leva a pleno a aprobación inicial dunha RPT tras case 20 anos de intentos

  • A proposta, negociada coa representación sindical, busca ordenar a estrutura municipal, definir funcións e mellorar a organización interna do Concello

Burela, 19 de maio de 2026. O Concello de Burela celebrará este xoves un pleno extraordinario no que se someterá á aprobación inicial a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento organizativo que o goberno local define como “histórico” ao tratarse dunha ferramenta que se levaba intentando implantar desde o ano 2007.

A proposta chega despois dun proceso de negociación coa representación sindical e inclúe un expediente completo composto polo organigrama administrativo, as fichas descritivas dos postos, a valoración técnica de cada un deles, o cadro resultante da RPT, o manual de valoración e o plan de promoción interna.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca que “non estamos ante un documento calquera, senón ante unha ferramenta clave para ordenar o Concello, definir postos, funcións, responsabilidades e adaptar a organización municipal á realidade actual”.

Segundo explica a rexedora, o primeiro intento de implantar unha Relación de Postos de Traballo remóntase ao ano 2007. Dende entón producíronse diferentes procesos de negociación que non chegaron a culminar.

“O importante hoxe é que Burela dá un paso adiante. Esta proposta chega ao pleno porque houbo vontade política para desbloquear o proceso, predisposición ao diálogo por parte do goberno local e unha participación construtiva da representación sindical. Cando hai vontade, traballo e acordo, os asuntos que levan anos pendentes poden avanzar”, afirma López.

A alcaldesa subliña tamén que a proposta foi negociada coa representación do persoal municipal e que acadou acordo unánime na Mesa Xeral de Negociación. Posteriormente, tras a adaptación derivada da saída da Unidade de Drogodependencias do Concello para pasar á Xunta de Galicia, o documento volveu ser abordado na Mesa Xeral celebrada o pasado 30 de abril, onde novamente contou co apoio unánime.

“Este documento chega ao pleno negociado, traballado e avalado pola representación do persoal. Iso é moi importante, porque demostra que houbo diálogo real e vontade de acordo”, sinala.

López aclara ademais que a RPT “non é unha subida lineal de soldos nin un reparto sen criterio, senón unha valoración técnica realizada posto por posto, atendendo ás funcións, responsabilidades, requisitos, dependencia orgánica e características específicas de cada emprego municipal”.

Para o goberno local, a aprobación inicial da RPT supón un paso importante para mellorar a organización interna do Concello, avanzar nunha administración máis clara e eficaz e recoñecer de maneira máis adecuada o traballo que desenvolve o persoal municipal.