• Galego
  • Español

O Concello de Burela inviste máis de 30.000 euros na reposición de elementos e renovación do paseo do Cantiño

Restauraron todo o trazado do paseo que se atopaba en mal estado polas correntes de auga que afectan ao firme, habilitando dúas prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida

Repúxose un castro do merendeiro e reforzouse outro tras un acto de vandalismo contra estes dous elementos que costou ás arcas públicas preto de 20.000 euros

Ambas actuacións responden ao plan que o goberno municipal ten trazado para a mellora e adecentamento das zonas de recreo


Burela, 15 de xuño de 2022.-  O Paseo do Cantiño de Burela xa está a punto. O Concello vén de acometer dúas actuacións nesta zona cun investimento total de máis de 30.000 euros para acondicionar o paseo e renovar elementos danados por actos vandálicos.

 As correntes de augas que acabaron por deteriorar o paseo foron a causa da reposición integral do firme, investindo nesta obra 12.000 euros, que segundo explicou o tenente de alcalde e responsable de urbanismo, Ramiro Fernández, “era un traballo necesario para que podan desfrutar desta zona con toda seguridade os veciños e visitantes agora que comeza o período estival”.

Por outra banda, o goberno municipal repuxo un dos castros que hai no merendeiro, “que tiraron nun acto de vandalismo incomprensible, posto que agora tivemos que desembolsar case 20.000 euros para colocalo e reforzar outro que tamén estaba en malas condicións”. Neste senso, Fernández incidiu na necesidade “de respectar e manter o mobiliario público, temos que concienciar de que o incivismo aféctanos a todos e obriga a gastar uns cartos que se poderían destinar a outras cousas”.

Ademais, a actuación no Cantiño incluíu a reparación da zona de aparcadoiro, tamén deteriorada pola rodadura dos vehículos, habilitando dúas prazas para persoas con mobilidade reducida que antes non existían. “Temos un compromiso claro coa accesibilidade e a ampliación de espazos destinados á mellora do benestar e o reforzo dos dereitos das persoas con algún tipo de discapacidade, polo que nos pareceu importante tamén crear estas dúas prazas”, subliñou o edil de Urbanismo.

Unha nova intervención do goberno local en espazos públicos polos que transita moita xente e que contribúen a conservar en boas condicións e mellorar unha das zonas de recreo máis importantes do municipio, fomentando o desfrute da veciñanza en lugares naturais, así como adecentando e acondicionando zonas chave para a atracción de turismo á vila.