O Concello de Burela informa de que a produtora Vaca Films busca figurantes para unha serie de Netflix en Galicia
Burela, 2 de maio de 2022.- A produtora de cinema e TV Vaca Films está a buscar figurantes para a rodaxe dunha nova serie para Netflix, “Hasta el cielo”, baseada na película do mesmo título, dirixida por Daniel Calparsoro e protagonizada por Luis Tosar, Asia Ortega e Álvaro Rico.
Buscan xente de todo tipo e, en concreto, precisan un número bastante elevado de homes e mulleres negros para poder recrear unhas escenas que ocorren, supostamente, en países africanos. Estes figurantes ou tamén chamados extras darán vida ás persoas que aparecen de fondo na serie, dotando de vida e realismo á escena.
Desde a produtora explicar que será un traballo remunerado e con alta na seguridade social, polo que só poderán contratar xente que se atope en situación regular. O salario será de 65 euros brutos por xornada, podendo incrementarse dependendo das horas e a actividade que se realice. Serán xornadas de traballo en días soltos durante os meses de maio e xuño, en distintos puntos de Galicia. En canto ao número de xornadas, poden ser entre 1 e 4, dependendo do perfil de cada persoa.
As datas provisionais que baralla Vaca Films son o luns 9 de maio (horario provisional de 12 a 21 horas) e o mércores 11 de maio (horario provisional de 9 a 18 horas). Irán chamando á xente da lista de aspirantes para concretar con quen teña disponibilidade, etc. No caso de que exista algún inconveniente para desprazarse, tratarán de facilitar o transporte a aquelas persoas que o necesiten.
Para poder optar a participar como figurante é necesario enviar fotos e datos persoais (nome completo, idade, teléfono de contacto, concello de residencia, estatura, lugar de nacemento, orixe e/ou nacionalidade e número de DNI/NIF) ao mail figuracionvaca@gmail.com
Ademais de extras, tamén están a buscar dous actores negros entre 30 e 70 anos para realizar un pequeno papel con frase polo cal, se algún dos aspirantes ten experiencia ou formación actoral, piden que se especifique no mail xunto cos datos e fotos.