• Galego
  • Español

O Concello de Burela impulsa unha nova actividade de inclusión nos centros educativos do municipio

  • O alumnado participou en encontros para coñecer experiencias migratorias e fomentar valores de integración

Burela, 4 de maio de 2026. O Concello de Burela desenvolveu unha nova actividade no CEIP Os Castros e no CEIP Vista Alegre no marco das accións impulsadas pola área de Inmigración, centrada en achegar ao alumnado experiencias reais de integración social e laboral. Nesta ocasión, a protagonista foi Emma Gala, unha moza de orixe peruana que reside en Burela coa súa familia dende hai anos.

Durante as sesións, Emma Gala compartiu coa rapazada a súa traxectoria vital e profesional, así como o proceso que a levou a migrar e establecerse no municipio, onde, segundo explicou, atopou oportunidades para ela e a súa familia.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado explicou que, “é moi importante a mensaxe que transmite ós nenos e nenas, xa que con esforzo, formación, traballo e a axuda da familia e a comunidade logrou saír adiante”.

Pillado subliñou a importancia de trasladar ao alumnado experiencias reais que permitan comprender mellor os procesos migratorios e fomentar valores de inclusión e respecto.

O programa continuará os próximos 11 e 12 de maio coa visita aos centros de secundaria IES Perdouro e IES Monte Castelo.

Esta actividade forma parte do programa de inclusión social da poboación inmigrante, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.