O Concello de Burela fai un balance positivo da súa participación no Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía en São Tomé e Príncipe
- O tenente de alcaldesa Mario Pillado considera que o evento foi moi proveitoso “dende o punto de vista da aprendizaxe e da adquisición de ideas e experiencias doutras entidades locais de todo o mundo”
Burela, 30 de outubro de 2023. O Concello de Burela, a través do primeiro tenente de alcaldesa Mario Pillado, estivo presente no IV Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía celebrado ao longo da pasada semana en São Tomé e Príncipe.
Pillado sinala que a experiencia foi “xenial dende o punto de vista da aprendizaxe e da adquisición de ideas e experiencias doutras entidades locais de todo o mundo a nivel de xestión medioambiental e desenvolvemento sostible”.
“Pese ós inconvintes e obstáculos que atopamos polo camiño, conseguimos sacar adiante o foro grazas ó traballo e bo facer da organización”, sinala o tenente de alcaldesa logo dos problemas nas conexións aéreas que provocaron o adiamento da sesión inaugural.
“Quero agradecer ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e ó Goberno Rexional do Príncipe, co presidente Filipe Nascimento á cabeza, a posibilidade que nos brindaron de participar nesta experiencia”, destacou Pillado en referencia ás entidades organizadoras do foro.
O tenente de alcaldesa celebrou que “todos os participantes deixamos atrás as cores políticas, centrándonos na cooperación e en partillar coñecemento e experiencias”. Reafirmou así mesmo “o compromiso do Concello de Burela co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que é cada vez máis forte, polo que xa traballamos en novas ideas, proxectos e actividades”.
Baixo o lema ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’, o evento tivo como obxectivo promover o intercambio de experiencias na xestión municipal, incrementar o coñecemento sobre a realidade do Sur Global e fomentar alianzas internacionais.
A delegación galega no mesmo estivo conformada, ademais de por Mario Pillado, por representantes dos concellos de Allariz, A Laracha, Nigrán e Gondomar.