O Concello de Burela entrega nun emotivo acto a súa Medalla de Honra á Confraría de Pescadores polo centenario da súa fundación
Burela, 18 de novembro de 2023. O Concello de Burela entregou hoxe a súa Medalla de Honra ao patrón maior da Confraría de Pescadores, en nome de todos os patróns maiores que tivo estes 100 anos, polo centenario da súa fundación.
Nun emotivo acto, ao que asistiron moitas familias vinculadas ao mar e á confraría durante os seus 100 anos de vida e os anteriores alcaldes de Burela, a actual alcaldesa, Carmela López, entregou a medalla ao patrón maior da confraría, Basilio Otero.
“O de hoxe é un recoñecemento a toda esa economía mariñeira que fixo medrar Burela e que ten a súa orixe no pósito de pescadores, hoxe confraría de Burela; unha homenaxe a todas as persoas que traballaron no sector desde hai un século e as súas familias”, asegurou Carmela López.
Tras o acto, amenizado pola Escola de Música Municipal, inaugurouse a placa conmemorativa á confraría na praza do Concello.