O Concello de Burela e Portos de Galicia avanzan nun novo convenio para o mantemento das zonas portuarias e noutros proxectos
- Queremos establecer un marco de colaboración áxil para que o Porto de Burela se atope sempre nas mellores condicións”, explica a alcaldesa, Carmela López
Burela, 14 de decembro de 2023. O Concello de Burela avanzou hoxe nunha reunión con Portos de Galicia na actualización do convenio de mantemento das zonas portuarias da vila.
Na reunión, celebrada na Coruña, participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López; o concelleiro do Mar, Ramiro Fernández; José Antonio Álvarez Vidal, presidente de Portos de Galicia, e Roi Fernández Añón, director de Portos de Galicia.
Un dos asuntos tratados foi a necesidade de actualizar e vincular todos os convenios existentes entre o Concello de Burela e Portos, poñendo especial interese no do mantemento das zonas portuarias.
“O que se pretende é establecer un marco de colaboración áxil para que o noso porto se atope sempre nas mellores condicións”, explica a alcaldesa.
“O mantemento, ao tratarse dun lugar turístico, debería de ser o mellor posible para dar unha boa imaxe de Burela”, afirma pola súa parte Ramiro Fernández, que agradece “a reunión, que foi cordial e amigable, esperemos que dela saian unhos bos acordos para ambas partes, xa que temos obxetivos comúns”.
Falouse tamén da problemática da pesca recreativa; da petición municipal de que se estude a posibilidade da cesión da parcela número 7, situada na travesía do Porto, para o mercado dos venres; da revisión das taxas aplicadas nas festas patronais, Expomar, Feira do Bonito e A Moncloa, e do acceso á Virxe do Carme situada no final do espigón.
“O porto é clave para o concello, tanto a nivel comercial como turístico; con respecto ás taxas, entendemos que as actividades de promoción de temas pesqueiros, como Expomar, Feira do Bonito, A Moncloa, ou as Festas Patronais, deberían estar exentas e foi o que pedimos”, engade Fernández, “xa que non é moi xusto poñer taxas a accións destinadas a poñer en valor os servizos e productos que fan medrar a actividade do porto”.
“O porto é unha prioridade para Burela e queremos consenso e axilidade coa entidade que ten as competencias sobre esta infraestrutura”, remata López.