O Concello de Burela convoca un Pleno Extraordinario para aprobar o traspaso da UAD ao Sergas
- O municipio someterá a votación a integración da Unidade Asistencial de Drogodependencias no sistema sanitario público galego a partir do 1 de xaneiro
Burela, 2 de decembro do 2025. O Concello de Burela celebrará este xoves ás 10:00 horas un Pleno extraordinario cun único punto na orde do día: aprobar o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), segundo o acordo da Comisión Mixta Xunta–Fegamp.
A medida permitirá que o cambio de xestión se faga efectivo o 1 de xaneiro, momento no que a UAD quedará plenamente integrada no sistema sanitario público galego.
A proposta que se someterá a votación recolle a integración do persoal e dos medios materiais da UAD no Sergas, así como o inicio do expediente de cesión de uso do Centro de Drogodependencias, asegurando que a actividade asistencial continúe desenvolvéndose temporalmente no mesmo inmoble e sen interrupcións.
Segundo explicou a alcaldesa de Burela, Carmela López, con esta integración “garantirase a continuidade e a estabilidade da atención, así como a disposición de mellores medios para un servizo esencial tanto en Burela como no conxunto da comarca”.
De igual xeito, a alcaldesa subliñou que este paso responde a unha “demanda longa e compartida por concellos de toda Galicia”, lembrando que “foron anos de insistencia e negociacións”. Sinalou que Burela, igual que outros concellos con UAD, precisaba “con urxencia” este traspaso para “garantir unha atención socio-sanitaria estable e plenamente integrada no sistema público”.
López tamén quixo destacar o papel “fundamental” dos profesionais da UAD de Burela e das demais unidades galegas, cuxo “compromiso e traballo foron determinantes para manter os servizos nas mellores condicións posibles, mesmo en etapas con falta de persoal”. Engadiu que a súa implicación resultou clave para chegar ao punto actual, “ás portas dunha integración imprescindible para o futuro destas unidades”.
A rexedora concluíu apuntando ás próximas metas do municipalismo galego, entre elas o traspaso da Atención Temperá, un servizo que a alcadesa definiu como “esencial” e que, segundo explicou, “debe incorporarse tamén ao sistema público para garantir a mellor atención ás familias e aos menores”.