O Concello de Burela asina o convenio para a nova EDAR, un proxecto clave para o futuro do saneamento municipal
- A actuación permitirá renovar o sistema de depuración e cumplir cos obxectivos e estándares que fixa a directiva europea sobre o tratamento das augas residuais
Burela, 24 de abril de 2026. A alcaldesa de Burela, Carmela López e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron o convenio de colaboración para a execución da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), unha infraestrutura estratéxica que supón un paso decisivo na modernización do sistema de saneamento municipal e da que se beneficiará tamén o conxunto da Mariña lucense.
No acto estiveron presentes a a alcaldesa de Burela, Carmela López, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
Carmela López cualificou a xornada como “un día importante para Burela”, destacando que se trata dun proxecto que “marca un antes e un despois no futuro do noso pobo” e que vén dar resposta a “un problema que durante máis de quince anos non sempre se vía, pero que estaba aí: o saneamento e a depuración das nosas augas”. Neste sentido, puxo en valor a colaboración entre administracións, sinalando que o convenio é froito “do diálogo, do traballo compartido e da responsabilidade institucional coa cidadanía”.
O proxecto permitirá avanzar de maneira significativa na mellora do tratamento das augas residuais, substituíndo unha instalación que viña presentando limitacións e problemas que afectaban á veciñanza, como cheiros ou vertidos, por unha infraestrutura máis eficiente e adaptada ás esixencias ambientais actuais. A futura EDAR contará cunha capacidade de depuración superior e permitirá atender a unha poboación de máis de 13.000 habitantes equivalentes, incorporando tratamentos que mellorarán a calidade das augas antes da súa devolución ao medio.
Segundo o convenio, a Xunta de Galicia asumirá a contratación e execución das obras, mentres que o Concello de Burela se encargará da xestión dos permisos, licenzas e da posta á disposición dos terreos necesarios, en colaboración con Portos de Galicia. A previsión é licitar as obras ao longo do verán e inicialas en 2027.
Esta actuación enmárcase na fase II do desenvolvemento do sistema de saneamento do municipio, que xa conta cunha intervención en marcha para a construción de novos colectores, cun investimento duns 5 millóns de euros. Trátase dunha actuación independente da futura EDAR pero complementaria, que permitirá xa mellorar a capacidade da rede e reducir o impacto dos vertidos, mentres que a nova depuradora completará o sistema cun tratamento máis avanzado e eficiente.
O investimento previsto para a nova EDAR achégase aos 9 millóns de euros, o que eleva o conxunto das actuacións en saneamento en Burela por riba dos 13 millóns de euros.
A rexedora incidiu tamén en que “a nova EDAR non é só unha obra, senón unha garantía de futuro, un compromiso co medio ambiente e unha aposta pola calidade de vida da nosa veciñanza”, e finalizou afirmando que “hoxe comeza o camiño para facer realidade esta infraestrutura tan necesaria, coa responsabilidade, a seriedade e coa ilusión de quen traballa polo ben común”.