O Concello de Burela alerta dun intento de estafa mediante chamadas nas que se suplanta a identidade de persoal municipal
Burela, 17 de novembro de 2026. O Concello de Burela alerta de que durante a xornada de hoxe se están a recibir chamadas telefónicas nas que persoas alleas á Administración se fan pasar por persoal municipal para solicitar pagamentos.
Ante estes feitos, o Concello pide á veciñanza e, especialmente, aos establecementos comerciais que extremen as precaucións e lembra que non deben realizar ningún pagamento nin facilitar datos persoais ou bancarios como consecuencia de peticións recibidas a través deste tipo de chamadas.
Desde o Concello recoméndase non atender as solicitudes de pagamento nin proporcionar información sensible e, ante calquera comunicación sospeitosa, contactar directamente coa Administración municipal a través dos seus teléfonos oficiais para verificar a súa autenticidade antes de realizar ningunha xestión.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa xa realizase un pagamento ou facilitase os seus datos bancarios, aconséllase contactar de inmediato coa súa entidade financeira para tratar de bloquear posibles operacións fraudulentas e poñer os feitos en coñecemento das forzas e corpos de seguridade.
O Concello de Burela agradece a colaboración da cidadanía e dos establecementos comerciais e pide que se difunda esta advertencia para evitar que outras persoas poidan ser vítimas deste intento de estafa.