• Galego
  • Español

O Concello de Burela acolle unha representación de ‘Morte accidental dun anarquista’ de Dario Fo na Casa da Cultura

  • O espectáculo terá lugar este venres, día 26 de abril, ás 21:00, a cargo de Talía Teatro

Burela, 22 de abril de 2024. O Concello de Burela acolle, na Casa da Cultura, unha representación da obra teatral ‘Morte accidental dun anarquista’, do dramaturgo italiano Dario Fo.

O espectáculo, a cargo de Talía Teatro e dirixido por Cándido Pazo, terá lugar este venres, día 26 de abril, ás 21:00. Está dirixido a un público adulto. As entradas terán un prezo de 4€, e poderán ser adquiridas na propia Casa da Cultura a partir das 20:00 do día da representación.

Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos levan a escena esta peza de 1970 que nos sitúa en Italia nun momento de gran inestabilidade social.

A obra “levaba tempo no noso ficheiro de posibles”, xa que “ben podería ser un retrato da actual situación do noso país”, sinalan dende Talía Teatro. “Trátase dun texto clásico cunha comicidade mordaz, absolutamente desbordante”, engaden.

“Cincuenta anos despois de ser escrito, este sainete político, esta disparatada pero reflexiva comedia, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, reverberan aínda nos muros da actualidade”, explican.