• Galego
  • Español

O Concello de Burela acolle unha charla sobre os cambios normativos que afectan ás persoas con dano cerebral adquirido

  • Terá lugar ás 16:30 do día 26 de abril, e a inscrición, totalmente de balde, poderá ser realizada no número de teléfono 689 083 144

Burela, 18 de abril de 2024. O Concello de Burela acolle, no Salón de Plenos, unha sesión informativa sobre os cambios normativos que afectan ás persoas con dano cerebral adquirido organizada por FEGADACE.

Esta charla de aproximación á nova normativa terá lugar ás 16:30 do día 26 de abril, venres. A inscrición, totalmente de balde, poderá ser realizada por chamada ou por Whatsapp no número de teléfono 689 083 144.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza esta charla como parte do seu ciclo de presentacións da recén editada 'Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido', elaborada polo responsable do servizo de asesoramento legal da Federación e avogado Miguel Vieito.

O mesmo Miguel Vieito, xunto coa traballadora social de FEGADACE Carla Miranda, é o encargado de impartir esta sesión informativa, que conta coa colaboración do Concello de Burela e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns.

O ciclo de presentacións ten tamén paradas nas sedes das cinco asociacións membro de FEGADACE (ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela) e na localidade de Sober. Diríxese tanto a profesionais dos ámbitos dos servizos sociais e da discapacidade como a persoas e familias con dano cerebral adquirido.

Co obxectivo de achegar esta información a cantos máis axentes sexa posible, a inscrición nas charlas é gratuíta e aberta a profesionais e residentes nas comarcas e áreas de influencia dos concellos.

O cambio de paradigma que implica a Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, supuxo un inxente volume de cambios que as familias e persoas con dano cerebral adquirido teñen o reto de coñecer e incorporar.

Para facilitar o coñecemento desta reforma normativa, FEGADACE elaborou a 'Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido' que agora presenta nesta serie de sesións informativas, nas que tamén se resolverán as dúbidas das persoas asistentes.

A filosofía xeral do que na guía se denomina “tsunami xurídico” implica superar o sistema de modificacións de capacidade ou incapacitacións, como se coñecían popularmente, para pasar a un sistema de apoios que realiza un “traxe a medida” de cada persoa con discapacidade en función das súas capacidades e das barreiras coas que se enfronta.

Tanto a edición da Guía como as sesións de presentación da mesma están financiadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a través da súa inclusión no Proxecto Rumbo. Esta iniciativa busca un novo modelo de autonomía persoal que conta entre as súas liñas de traballo coa potenciación do apoderamento do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.

O Proxecto Rumbo é unha iniciativa colaborativa desenvolta entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA).

O seu obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.