• Galego
  • Español

O concelleiro de turismo fixo un balance moi positivo da presenza de Burela en Xantar, en Ourense, do 9 ao 13 de novembro de 2022

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, fixo un balance moi positivo da presenza de Burela na Feira Xantar, que tivo lugar en Ourense do 9 ao 13 de novembro.

O edil burelés fixo “un balance positivo da presenza de Burela na Feira Xantar, á que levamos moitos anos indo. Estivemos con stand propio desde o mércores ata onte, domingo, onde puidemos explicarlle á xente que se achegou ata alí todos os atractivos turísticos que temos en Burela para poder gozar en calquera momento que queiran achegarse ata a nosa vila”.

Ramiro Fernández contou que “o acto central no que tivemos unha presenza moi pronunciada foi o sábado, o día da provincia de Lugo, e alí o alcalde, Alfredo Llano, participou na mesa que abría a xornada e onde puxo en valor tanto a nivel turístico como a nivel pesqueiro a Burela. Alí destacou o traballo dos nosos mariñeiros e a pesca sostible que practican. Foi un discurso moi aplaudido pola xente que alí estaba. Ademais proxectamos un vídeo sobre a Feira do Bonito, que tamén gustou moito. O balance que podemos facer é moi positivo”.

O concelleiro de Turismo engadiu que “despois ás dúas e media puidemos gozar, e quero agradecer particularmente a Ledicia a deferencia que tivo para desprazarse ata Ourense para deleitarnos cunha degustación de bonito. Neste caso foi servido en empanada e en salpicón. Foi a degustación que máis afluencia tivo en todo o día. Agradecerlle a Ledicia, e á súa presidenta Rocío, que estiveran en Xantar. Tamén nos acompañaron un grupo duns 30 veciños e veciñas de Burela, que quixeron estar con nós en Ourense axudándonos nesta promoción de Burela, e queremos agradecerlles a súa presenza alí apoiando os actos que alí desenvolvemos”.

Ramiro Fernández engadiu que “Xantar é unha feira que nos gusta e que está dentro dos obxectivos que nos marcamos para a promoción turística. Esperemos que para o ano que ven poidamos volver alí a dar a coñecer os nosos produtos e o noso pobo”.