O castiñeiro centenario de Cinoche regresa a Burela polo Nadal
- A alcaldesa Carmela López explica que o histórico castiñeiro contará con nova vida e varias pezas artísticas realizadas de novo polo escultor Carlos García
Burela, 21 de novembro de 2025. O Concello de Burela anuncia que o histórico castiñeiro de Cinoche, derrubado pola Borrasca Karlotta e posteriormente queimado, regresará ao municipio este Nadal convertido nun conxunto artístico totalmente renovado.
A árbore fora reconvertida nun banco-escultura por parte do escultor Carlos García, que ocupou o lugar onde se erguía o castiñeiro centenario ata que foi queimado de xeito intencionado no pasado ano 2024.
O novo proxecto, desenvolvido unha vez máis por Carlos García, manterá o obxectivo da encarga inicial, a de converter a árbore nun espazo para sentarse. Porén desta volta contará con varios elementos, motivo polo que foi necesario ampliar a solera de formigón onde se instalará. A peza orixinal, danada polo incendio, requiriu unha intervención complexa e minuciosa.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo poñer en valor ese esforzo: “Quero agradecer a Carlos García a súa implicación e o coidado que está a poñer na nova creación do castiñeiro de Cinoche". "Tivo total liberdade artística, mantendo a esencia da idea inicial, e mesmo sumando algunha peza máis", afirmou.