• Galego
  • Español

O Bonito de Burela será protagonista mañá en Tarifa, ata onde se desprazou unha delegación de 23 persoas. Ata a cidade andaluza viaxaron o alcalde, Alfredo Llano, a cronista oficial, Herminia Pernas, e o xerente de Expomar, José Manuel González

Burela, 31 de marzo de 2023. Mañá, 1 de abril, terá lugar o segundo encontro entre o atún vermello de Tarifa e o Bonito de Burela, que xa se atoparan por primeira vez en maio do pasado ano, aínda que de forma virtual.

Tres meses máis tarde, o alcalde de Tarifa foi convidado polo seu homónimo burelao á trixésimo sexta edición da Feira do Bonito e Produart, onde ambos os dous acordaron reencontrarse esta primavera e así será.

Este sábado foi o día escollido para a celebración da xornada divulgativa e gastronómica na que Burela estará representada polo seu alcalde, Alfredo Llano; o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González Brais, a cronista oficial, Herminia Pernas, así como por unha pequena representación da sociedade de mariñeiros A Moncloa, que aproveitarán para coñecer o punto máis meridional da Península Ibérica ademais de estreitar relacións entre os dous concellos.

Mañá ás 12 terá lugar unha recepción institucional no Ayuntamiento de Tarifa, ao que seguirá o acto de alianza Tarifa-Burela, despois desenvolverase un showcooking no que haberá degustación de bonito de Burela e de atún vermello de Tarifa. O colofón á xornada será unha visita á illa de Tarifa, o punto máis ao sur do continente europeo.

O alcalde, Alfredo Llano, referiuse á importancia de que a Feira do Bonito fose declarada de interese turístico nacional: “é importante que se saiba e establecer esa boa relación con portos pesqueiros como pode ser este de Tarifa”. O rexedor subliñou que “a atención que nos están blindando é extraordinaria. Estamos moi agradecidos”.

A Tarifa viaxou unha expedición formada por 23 persoas.