• Galego
  • Español

O Barco Museo “Reina del Carmen” sube ao estaleiro para realizarlle tarefas de mantemento

O barco foi trasladado ao varadoiro de Astilleros Armón para limpar, lavar e pintar o casco, calafatear para evitar as filtracións de auga, así como facer revisións dos grifos de fondo e das botellas do temón

Calcúlase que os traballos de reparación e acondicionamento finalizarán aproximadamente nunha semana

Desde o Concello de Burela agradecen  a Astilleros Armón o seu traballo no mantemento do barco para que poda continuar recibindo visitas en condicións óptimas


Burela, 21 de abril de 2022.-  O Barco Museo “Reina del Carmen” foi trasladado este luns ao estaleiro para realizarlle tarefas de mantemento co fin de afrontar a nova temporada de visitas a punto. 

Tras subilo ao varadoiro de Astilleros Armón, estase procedendo á limpeza e lavado do casco e calafateando as xuntas das táboas de fondos, costados e cubertas para evitar posibles filtracións de auga. Tamén se está a pintar o casco do barco, ao tempo que se fan revisións dos grifos de fondo e das botellas do temón. 

O edil de Turismo, Ramiro Fernández, quixo agradecer “todo o traballo que realizan desde Astilleros Armón para manter o barco en condicións óptimas, con profesionalidade e dedicación ao labor que fan cun dos emblemas do noso municipio”. Explicou que “este barco de madeira precisa un mantemento continuo precisamente por estar construído con este material, que se conserva desde hai máis de 60 anos”.

Prevese que aproximadamente nunha semana poda devolverse ao porto, onde se ubica para recibir visitas, tras este mantemento que se leva a cabo de cada dous anos. 

O antigo boniteiro dos anos 60 continúa sendo un dos maiores atractivos turísticos da vila, reconvertido en Museo Etnográfico da Cultura Mariñeira. Recibe multitude de visitas ao ano e permite vivir unha experiencia de aprendizaxe única sobre o mar.