• Galego
  • Español

O ALCALDE DE BURELA SALIENTA A TRAXECTORIA DO PESCADOS RUBÉN DE FÚTBOL SALA FEMININO TRAS PROCLAMARSE CAMPIÓN DA COPA DA RAÍÑA POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO

O alcalde, Alfredo Llano, destaca a espectacular traxectoria do Pescados Rubén Burela, que onte se proclamou campión da Copa da Raíña por terceiro ano consecutivo. O rexedor dixo que as guerreiras laranxas son unha referencia para o fútbol sala. Hoxe ás oito da tarde terá lugar un acto de recoñecemento na praza do Concello. Alfredo Llano convida a asistir, respectando o protocolo covid coa distancia de seguridade e o uso da mascarilla.

O alcalde burelés dixo que “temos a grande satisfacción de relembrar edicións anteriores e imos recibir hoxe ás oito da tarde no Concello de Burela, ás xogadoras, ao equipo técnico, á directiva e a todo o mundo que queira vir. Invitamos a todos os veciños e veciñas de Burela a que acudan ao Concello para recibir ás xogadoras e a todo o equipo”.

O rexedor subliñou que “é moi importante o que está ocorrendo co fútbol sala aquí en Burela. Hai que ter en conta que xa foi nomeado o mellor equipo do mundo de fútbol sala feminino e están sendo coherentes porque certamente están dicindo que si é o mellor equipo do mundo, xa que o que fixeron agora na Copa da Raíña foi espectacular como na súa traxectoria en xeral tanto na Liga como nos diferentes trofeos”.

Alfredo Llano engadiu: “no nome do pobo de Burela estamos todos moi contentos de que isto sexa así. Están dando a cara e son unha referencia clarísima do que é o fútbol sala a nivel mundial. Iso dá moita importancia ao noso concello e ao noso deporte. Quedan todos invitados, a partir das oito, ímoslles dar un recibimento e esperemos que se xunte aquela xente que sinta que o deporte está dando de si o máximo posible. Tamén hai que ter en conta que, mentres non cambie o protocolo do covid, a xente debemos distribuírnos na praza de tal xeito que gardemos a distancia de seguridade. Contamos, como se fai en todo o que se está organizando, con que a xente é corresposable, usa a mascarilla e sabemos moi ben o protocolo que temos que levar adiante. A praza é grande e a seguridade está asegurada”.