• Galego
  • Español

O alcalde de Burela agarda que o municipio recupere a mobilidade este sábado

O alcalde, Alfredo Llano, agarda que o municipio recupere a mobilidade o sábado, é dicir que se levante o peche perimetral. O rexedor participou hoxe nunha xuntanza coas autoridades sanitarias e valora de xeito positivo o comportamento da veciñanza para tentar parar os contaxios por covid. Llano lembra que a hostalería abrirá mañá con restricións nos aforos tanto no interior como no exterior dos establecementos.

O alcalde burelés contou que “acabamos de rematar unha vídeo conferencia coas autoridades sanitarias e os Concellos de Viveiro, Monforte, Chantada e Vilalba. Estivemos analizando a situación, hai que destacar que Monforte e Viveiro van moi ben e Burela tamén estes días foi mellorando dunha forma espectacular. Agora mesmo andamos roldando entre 7 e 13 casos activos, pero xa van collendo as altas. E no hospital hai 3 casos. Imos evolucionando ben. Temos unha acumulada de 146, polo tanto estamos por debaixo de 150 casos. Iso implica entrar doutra maneira na normativa”.

Alfredo Llano explicou que “en principio se vai abrir a hostalería, a partires de mañá pola mañá e van estar abertos ata as once da noite. No interior poderá haber un 30% do aforo e fora un 50%. Tamén está permitido facer agrupacións de 6 persoas, sexan convivintes ou non, nos parques, andando ou facendo vida social”.

Para o rexedor burelés “é unha boa noticia. Penso que a hostalería e o comercio estarán contentos de recuperar a actividade dunha vez. Hai que ter en conta que Burela se sacrificou moito durante este mes de novembro. Practicamente da Mariña fomos os únicos que tivemos o peche perimetral e iso restou afluencia para moitas cousas. Destacar tamén que Burela é un pobo co que hai que estar contentos, dada a súa maneira de traballar en conxunto e grazas a esa colaboración global da veciñanza volvemos agora saltar a outro nivel. Foi un mes de sacrificio.”

O alcalde de Burela engadiu: “esperemos que agora xa esteamos nun punto que isto sexa bo indefinidamente e que poidamos pasar un Nadal entre todos ben e a gusto. Tamén agardo que se poida recuperar a mobilidade a partir do sábado, ao estar xa nunha posición optimista non temos porque estar diferenciados doutros concellos da Mariña”.