• Galego
  • Español

O alcalde, Alfredo Llano, felicita á poboación de Burela por lograr conter a covid e baixar de nivel nos últimos días

O alcalde, Alfredo Llano, felicita á poboación de Burela por lograr conter a covid e baixar de nivel nos últimos días. O rexedor agarda que a Xunta explique ben por qué algúns concellos con nivel vermello non están afectados polo peche da hostalería nin pola restrición da mobilidade e os que melloraron, como é o caso de Burela, o sigan sufrindo.

O rexedor dixo que “seguimos agardando ao que diga o comité clínico que estivo reunido, tanto o martes como hoxe, para decidir como se continúa co peche perimetral ou a que nivel nos teñen con respecto a salvagardar os contaxios do virus. Teño que dicir que hai que felicitar a toda a veciñanza de Burela dado que, desde que comezou a semana pasada este peche, vemos que se mellorou dunha forma clara. Estabamos en nivel roxo e estamos agora en nivel amarelo, o que quere dicir que estamos en nivel 1 de alerta, polo tanto imos moi ben. A taxa acumulada de catorce días tamén se mellorou moitísimo, polo tanto estamos asistindo a unha mellora integral de todo o concello porque a corresponsabilidade e a forma de levar os protocolos están dando un resultado total”.

Alfredo Llano comentou que “era a nosa intención ver se era posible abrir xa e situarnos no paso anterior, antes de entrar esta normativa, que permitía estar no estado de toque de queda pero con movemento económico, na hostalería sobre todo, e poder recuperar polo menos a mobilidade e poder saír do contorno do concello. Imos ter que agardar ao próximo martes a ver que é o que ocorre. Nosoutros como concello estamos respondendo dunha forma total e tamén se debe ver reflectido isto nas decisións novas que se están tomando. Todo hai que pensalo loxicamente para garantir a sanidade e a saúde, pero tamén hai que equilibrar e ver como podemos facer para dalgunha maneira aproveitar este estado de mellora e ir abrindo pouco a pouco o equilibrio socioeconómico. Quero felicitar ao pobo de Burela porque imos extraordinariamente ben”.

O alcalde insistiu en que “agora temos que agardar e espero que o próximo martes, que se reúne o comité clínico, se decida en función dos parámetros que están saíndo agora que vemos que vamos moi ben. Pero tamén hai que pedir que isto se explique desde o comité clínico, desde a Xunta de Galicia, porqué neste estado estamos confinados e vemos como hai concellos que están en alerta roxa  e sen embargo están sen esta medida de peche perimetral. Iso teñen que explicalo ben para que se entenda, para que motive á xente a seguir participando, a seguir colaborando e corresponsabilizándose do que está ocorrendo, porque temos que ter a situación ben explicada e entendela para seguir motivando á veciñanza a que siga comportándose como ata agora. Imos agardar ao próximo martes e a ver se con estas melloras podemos recuperar o estado anterior a esta medida”.

Declaracións do alcalde de Burela (mp3)