Nova xuntanza do Grupo de Participación Adolescente en Burela
Burela, 27 de xuño de 2026. O Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela celebrou a última xuntanza deste curso este xoves na Casa da Xuventude. Durante a sesión, as persoas participantes continuaron traballando no fortalecemento da identidade do grupo e avanzaron no deseño dunhas prendas que empregarán como distintivo nas súas actividades.
Ademais, as persoas participantes gozarán dunha actividade co Club de Surf como recoñecemento á súa implicación no proxecto Xeración Peixe, no que participaron durante os últimos meses.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou que "o GPA segue consolidándose como un espazo de participación activa para a mocidade, no que as rapazas e rapaces non só propoñen actividades, senón que tamén constrúen unha identidade propia como grupo". Así mesmo, sinalou que "seguimos traballando para ofrecer unha programación atractiva durante o verán, con actividades pensadas para responder aos intereses da xente nova".
Por outra banda, informouse de que a Aula de Xogos da Casa da Xuventude permanecerá pechada entre o 29 de xuño e o 15 de xullo por descanso do persoal.