• Galego
  • Español

As nenas e os nenos da Ocioteca de Verán, do Concello de Burela, aprenderon a importancia que teñen as algas para o medio mariño

Burela, 18 de xullo de 2023. As monitoras de Gaia organizaron unha actividade co obxectivo de dar a coñecer as algas que se poden atopar nos areais de Burela.

Para iso fixeron un roteiro entre O Cabaliño e Ril e explicáronlles aos participantes “como as correntes mariñas trasladan as algas dunhas praias a outras, polo que un día unha praia pode estar chea delas e ao seguinte non contar con ningunha”. E fixeron fincapé “na importancia que teñen, xa que producen osíxeno permitindo a respiración de moitos organismos acuáticos e serven de zona de refuxio de hábitats para milleiros de especies”.

A xornada rematou coa elaboración dun caderniño no que reflectiron todo o aprendido.

A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez, comentou que “continuamos con actividades moi diversas para as nenas e os nenos maiores que acoden á Ocioteca de verán. Consideramos que é interesante que aprendan a importancia que teñen as algas para o medio mariño e que estean en constante contacto coa natureza. Deste xeito aprenderán a respectala cada día un pouco máis”.