• Galego
  • Español

Música, cultura e diversidade: Burela prepara uha gran celebración arredor do España-Cabo Verde do Mundial

  • A vila mariñá converterase o 15 de xuño nun espazo de encontro entre Galicia e Cabo Verde a través da música, a creación contemporánea, a danza e a convivencia

Burela, 27 de maio de 2026. Lonxe de deixalo pasar como unha casualidade, o encontro entre Cabo Verde e Burela no Mundial 2026 será un evento histórico para Burela, unha vila luguesa de 10.000 habitantes, dos que máis de 1.000 son de orixe Cabo Verdiano. Para celebralo, e coincidindo co día do partido, o municipio acollerá o Festival De Cabo A Cabo, unha proposta cultural e comunitaria que transformará diferentes espazos públicos da vila nun gran punto de encontro entre culturas, música e comunidade.

Coa dirección creativa de Anxo Ferreira, impulsada polo Concello de Burela, a Deputación de Lugo e a Asociación Cultural Fanto Fantini, organizadora do festival Osa do Mar, a proposta nace coa vontade de celebrar a realidade multicultural dunha vila única en Galicia, onde máis do 10% da poboación é de orixe caboverdiana e que representa á cultura negra de toda a provincia.

Precisamente Anxo Ferreira leva anos explorando artisticamente a relación entre Burela e a comunidade caboverdiana a través de proxectos audiovisuais e musicais, que o levaron ata os festivais máis relevantes do panorama nacional e internacional.


Baiuca, símbolo da nova música galega

O cartel contará cun dos proxectos musicais galegos con maior proxección internacional da última década: Baiuca. O proxecto liderado por Alejandro Guillán converteuse nun auténtico fenómeno cultural grazas á súa capacidade para fusionar a música tradicional galega coa electrónica de vangarda, abrindo unha nova vía estética e sonora que transcendeu rapidamente o ámbito estatal.

Con traballos xa considerados referencia como Solpor ou Embruxo, ademais dos EPs Misturas e Paisaxes, Baiuca conseguiu construír unha proposta artística pioneira arredor da mestizaxe musical contemporánea, conectando a tradición galega coas novas linguaxes electrónicas e audiovisuais. Neste sentido, a súa actuación en Burela será en formato DJ Set.

En apenas uns anos de carreira, o proxecto pasou por países como México, Colombia, Ecuador, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Francia, Italia, Países Baixos ou Suíza, consolidándose como un dos directos máis recoñecidos e singulares do panorama musical actual.


Un cartel que conecta Galicia e Cabo Verde

O cartel, con artistas aínda por confirmar, acolle polo momento a varios intérpretes destacados da escena afroatlántica e electrónica actual como DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina e Saya, ademais do propio Baiuca.

Entre os nomes confirmados destaca tamén DJ Danifox, artista ligado ao selo lisboeta Príncipe Discos, un proxecto especialmente conectado coas escenas musicais xurdidas nos barrios periféricos e nas comunidades afrodescendentes da área metropolitana de Lisboa, moitas delas vinculadas á diáspora caboverdiana.

A proposta incluirá tamén a retransmisión en directo do partido entre España e Cabo Verde, ademais de actividades deportivas, showcookings, artesanía, mesas de debate e espazos de encontro que acompañarán toda a programación do festival.

O festival contará tamén cunha importante dimensión artística e comunitaria a través dunha gran instalación coordinada pola artista Alicia Alonso en colaboración co Instituto Monte Castelo e a Cofradía de Pescadores de Burela cederá arredor de 700 metros cadrados de rede de pesca, convertendo un dos elementos máis representativos da identidade mariñeira da vila nun espazo de creación colectiva e contemporánea.

Un proxecto que, máis cun evento deportivo, é unha celebración colectiva da convivencia e da identidade compartida entre culturas e que proxecta unha realidade que en Burela forma parte da vida diaria desde hai décadas: a dunha comunidade construída desde o intercambio, a integración e a convivencia.

Burela aspira a converterse o próximo 15 de xuño nun dos grandes símbolos culturais e sociais arredor do Mundial de 2026, nunha xornada na que música, comunidade e celebración compartirán protagonismo.