• Galego
  • Español

Investigadores do CSIC dan comezo ás prospeccións na Punta do Cabo de Burela

  • Empreganse drons e técnicas de prospección xeofísica para cartografar o castro existente na zona, un xacemento aínda inexplorado cientificamente

Burela, 4 de agosto de 2026. O Concello de Burela informa do inicio dos traballos da primeira fase da prospección no castro de Punta do Cabo. Despois de varias reunións informativas coa veciñanza, o equipo do CSIC deu comezo ás prospeccións.

Os traballos permitirán explorar e cartografar este espazo mediante técnicas non invasivas, co obxectivo de obter información que contribúa a caracterizar a estrutura e a extensión do castro.

Esta primeira fase non contempla escavacións nin alteracións no terreo, e permitirá recompilar información de base para coñecer mellor este xacemento, aínda inexplorado con metodoloxía científica, e planificar as futuras actuacións en función dos resultados obtidos.

O equipo de investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do CSIC, empregará drons para detectar as estruturas que conforman este castro. Tamén utilizarán técnicas de prospección xeofísica para medir diferenzas no campo magnético da terra para detectar elementos soterrados.

Finalmente, realizarase así mesmo unha documentación e modelación 3D dos elementos asociados ao xacemento, como petróglifos. A alcaldesa Carmela López agradeceu ao equipo científico o seu traballo e amosouse "con moitas ganas de coñecer os resultados da súa investigación".