• Galego
  • Español

Inauguración na Casa da Cultura de Burela da exposición Os Maragatos da Porta de San Pedro

  • A mostra, organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro, estará dispoñible ata o 1 de xullo

Burela, 19 de xuño de 2026. Xa se pode visitar na sala de Exposicións da primeira planta da Casa da Cultura de Burela a mostra Os Maragatos da Porta de San Pedro, organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro. O horario de apertura é de 11.00 a 13.00h e de 18.00 a 20.00 h.

A exposición foi inaugurada este mércores, 17 de xuño, nun acto no que participaron Carmela López, alcaldesa de Burela; Lina Gómez, concelleira de Cultura; e Xulio Xiz, presidente de Egeria.

Durante a presentación, a alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que "dende o Concello seguimos apostando por achegar á veciñanza propostas culturais diversas e de calidade, que permitan coñecer historias e tradicións que forman parte da nosa identidade".

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, convidou á veciñanza a visitar esta mostra para coñecer esta "interesante historia de migración e intercambio cultural con epicentro na nosa provincia". Tamén subliñou que "esta exposición permite descubrir unha parte relevante da historia de Lugo ligada ao comercio e ás relacións entre territorios".

145 anos de historia entre a Maragatería e Lugo

A mostra está composta por doce paneis en galego e castelán, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entregará gratuitamente aos visitantes.

A historia narrada na mostra comeza en 1880, cando a primeira xeración de maragatos da Porta de San Pedro, en Lugo, se asentou fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense.

Tratábase do matrimonio formado por Tomás Perez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, Tomás Pérez-Carro García, nado en Lugo en 1895.

Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar a súa historia, a súa procedencia leonesa e o asentamento en Lugo. Tamén a súa especial vinculación co comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro a máis nova dos membros da terceira xeración, María del Carmen Pérez-Carro García.