• Galego
  • Español

FORON PRESENTADAS AS XEORUTAS DO VERÁN DE 2021, QUE SE DESENVOLVERÁN DURANTE 22 DÍAS DESDE PRINCIPIOS DE XULLO ATA MEDIADOS DE SETEMBRO

As Concellerías de Turismo e Medio Ambiente presentaron o calendario das Xeorutas do verán de 2021, que se desenvolverán durante 22 días desde principios de xullo ata mediados de setembro.

O edil Ramiro Fernández Rey explicou que “desde as Delegacións de Medio Ambiente e de Turismo vimos de presentar as Xeorutas deste verán de 2021. Este ano decidimos apostar fortemente por este tipo de turismo activo, xa que as edicións anteriores deron uns resultados moi bos estas actividades. Neste 2021 decidimos reforzar as Xeorutas. Imos ter dúas semanais desde xullo ata setembro e en total serán 22 días de rutas durante todo o verán”.

O concelleiro de Turismo contou que “esta é unha das principais novidades que imos ter no ámbito turístico durante este ano, pero estamos planificando outras actividades, que agardamos que funcionen ben. Estamos esperanzados en que sexa un bo ano para o turismo a pesar da pandemia. Eu penso que a xente está decidida a saír da casa en canto lle deixen e a apostar pola Mariña Lucense para pasar as súas vacacións”.

Ramiro Fernández engadiu que “nese aspecto estamos apostando fortemente por todo este tipo de actividades. As Xeorutas puxéronse en marcha no ano 2016 e desde entón están a funcionar moi ben. Neste 2021 reforzamos este tipo de accións para intentar que os visitantes que veñan aquí a Burela teñan oferta de actividades para complementar ese descanso que fai a xente cando vai de vacacións”.

Na presentación participaron o alcalde, Alfredo Llano, e os concelleiros de Medio Ambiente e de Turismo, Toñi Eijo e Ramiro Fernández.

As persoas interesadas en realizar algunhas das rutas xeolóxicas da Marosa, do Perdouro, do Cantiño ou do Monte Castelo poden informarse no teléfono 982 888 506. As inscricións deben realizarse en rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com