FOI PRESENTADO O CARTEL DAS XORNADAS GASTRONÓMICAS NA HONRA DA FEIRA DO BONITO, QUE TERÁN LUGAR DO 5 AO 8 DE AGOSTO
A praza do Concello acolleu a presentación do cartel das xornadas gastronómicas na honra da Feira do Bonito, que terán lugar do 5 ao 8 de agosto en dezanove locais hostaleiros de Burela. No acto participaron o alcalde, Alfredo Llano, e varios concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, así como representantes de Ledicia, de Absa e dos bares e restaurantes.
O rexedor dixo que “arredor de vinte locais hostaleiros de Burela participarán na campaña de promoción do bonito, a través de degustacións nos propios establecementos con menús, tapas, racións ou outro tipo de propostas”.
Llano sinalou que “dado que este ano nos podemos facer a Feira do Bonito no seu formato tradicional esta que hoxe presentamos é unha maneira moi bonita de poder promocionar tanto a pesca de Burela como esta especie en concreto”.
O alcalde contou que “o que fixemos esta tarde foi presentar o cartel desta iniciativa e repartir entre os bares, mesóns e restaurantes toda a cartelería. Un dos carteis anuncia todos os locais que participarán nesta cita gastronómica e outro recolle toda a programación que se desenvolverá en Burela do 5 ao 8 de agosto: o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, o concerto de Luar na Lubre, a actuación do Mago Antón, etc… para difundir o programa de actos que preparamos para eses días”.
Alfredo Llano engadiu: “e fixémoslles entrega dun vale para que vaian retirar dúas pezas de bonito cada hostaleiro participante, que dona Absa, a quen lle agradecemos este xesto cos negocios de Burela”.
A concelleira de Mar, Carmela López, dixo que “ademais Ledicia entregoulles aos hostaleiros un agasallo, trátase dun mandil dos que eles levan sempre na Feira do Bonito. E durante a campaña vanse sortear camisetas que tamén dona Ledicia a través das redes sociais entre todos aqueles que participen nas degustacións que van facer os locais participantes”.