• Galego
  • Español

En Burela tivo lugar unha campaña de tramitación de pasaporte a cargo de persoal da embaixada de Cabo Verde. Durante o sábado e domingo foron atendidas 64 persoas

Burela, 3 de xullo de 2023. Durante a fin de semana tivo lugar en Burela unha campaña de tramitación de pasaporte a cargo de persoal da embaixada de Cabo Verde. En total foron 64 as persoas atendidas.

O concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado, subliñou “o éxito da campaña de tramitación e renovación do pasaporte levada a cabo por persoal da embaixada de Cabo Verde trasladado este fin de semana á nosa vila. Este persoal constatou ter atendido ata 64 persoas durante as xornadas do sábado e o domingo, nas instalacións do centro de formación ocupacional. Foi tan boa a acollida, que na xornada do sábado tiveron que ampliar o horario porque seguía a chegar xente para poder aproveitar este servizo”.

O edil burelés tivo palabras de agradecemento para o traballo desenvolvido polo persoal da embaixada e do Concello de Burela: “quero agradecer a colaboración do persoal da embaixada, do persoal do Concello que colaborou tanto previamente como durante a fin de semana e moi especialmente de Carlos Moreno Gonçalves, que co seu impulso propiciou que fora posible esta iniciativa”.